Espazos para o castigo, a dor e o perdón

Pedro García Vidal

NOIA

Picota en Calatañazor, Soria, S. XV. Columna na que se expoñía os delincuentes á vergoña pública
Picota en Calatañazor, Soria, S. XV. Columna na que se expoñía os delincuentes á vergoña pública cedida

En Noia e Muros facíanse execucións públicas

30 oct 2023 . Actualizado a las 21:59 h.

Nas vilas medievais, determinados espazos públicos desempeñaban a función de facer visible a represión ou o escarmento contra aqueles que violentaban as leis. Podían compartir esta función con outras ou, pola contra, ser espazos exclusivamente destinados a este fin. No primeiro caso temos prazas como a do Tapal en Noia, ou o Curro da Praza en Muros. Á parte da súa función administrativa, mercantil, fiscalizadora, de ocio e outras, estes lugares cumprían tamén funcións represivas exemplarizantes, amais de cárceres públicos durante moitos anos. En Noia, na torre-fortaleza do Tapal; en Muros, nunha das torres da Porta da Vila. Pero, sobre todo, o papel a ter en conta destes lugares vén dado porque aquí levábanse a cabo as execucións públicas. A praza do Tapal, por exemplo, foi escenario no ano de 1342, da execución de Rui Soga de Lobeira, vasalo do arcebispo Berenguel de Landoira, en presenza da súa dona ao caer en desgraza do rei Afonso XI.

Coa función de represión ou escarmento, en espazos ben visibles, levantábanse os rolos ou picotas, símbolo da xurisdición penal en primeira instancia, un privilexio das vilas e cidades por concesión rexia. Erguer forcas nalgún punto ben visible das aforas era asemade un privilexio que poñía de manifesto a capacidade para impor a pena de morte, privilexio que as cidades tiñan como unha honra.

Expositor de cabezas

O dicionario da Academia define o rolo como unha columna xeralmente de pedra, rematada cunha cruz, que se utilizaba como insignia de xurisdición e que con frecuencia servía de picota. Era, pois, o monumento onde se expoñían as cabezas dos axustizados. En Muros, saíndo pola rúa da Axesta, cara á ermida da Nosa Señora do Camiño, estaba a forca da vila, transformada logo en rolo ou picota para a execución pública das penas xudiciais. Neste barrio da Axesta, e no hoxe chamado Campo do rolo, dinos Artaza (1992:117) que había unha columna de pedra vertical á que servía de asento outra, tiña aquela unha argola que se usaba para atar dela os delincuentes expoñéndoos así á vergoña pública. Chamábase do rolo porque cunha corda prendíase dándolles voltas (rolos) ao corpo dos castigados. Esta forca señorial de pedra fora mandada construír polo arcebispo D. Lope de Mendoza. O rolo, erixido como era norma á entrada da poboación e xunto ao camiño principal, era un símbolo e aviso aos visitantes de que na vila existía unha autoridade que velaba polo común.

Ademais, existían tamén na cidade outros espazos que podemos cualificar como de perdón ou indulxencia. Salientamos na vila de Noia unha casa que tiña privilexio de inmunidade. Desta casa, situada fronte á praciña de Guisamonde, na traseira da ábsida de San Martiño, sinala Santiago Abella no seu libro La villa de Noya. Su historia, su topografía, sus monumentos y sus hombres ilustres, (1911: 24): «Á dereita e esquerda da súa portada tiña una argola de ferro, as cales tiñan a gracia de que se o delincuente antes de ser arrestado polas autoridades lograse asirse delas, xa a autoridade civil non tiña xurisdición sobre el, amparado pola inmunidade de que gozaba esa posesión por privilexio do seu señor».

A puntilla a estes elementos de castigo daralla o Decreto (26 de maio de 1813) polo que se chama especificamente a «demoler todos os signos de vasalaxe», co que gran parte dos rolos xurisdicionais son desmontados e utilizados como canteira ou para alicerces de novas edificacións.