Dona María Míguez Rodríguez, a nosa mestra!

María Lourdes Pérez Freire OUROVELLO- ADRAGONTE(PADERNE)

BETANZOS

Esta coruñesa ensinou en Adragonte, en Paderne, e no Vales Villamarín de Betanzos

03 mar 2024 . Actualizado a las 10:45 h.

Dona María Míguez Rodríguez naceu na Coruña, o 20 de xullo de 1924. E faleceu en Betanzos, o pasado 12 de febreiro. O próximo verán cumpriría cen anos. Unha longa vida, chea de intelixencia, sabedoría e compromiso coa docencia.

Dende o ano 1958, ata 1973, foi mestra de Adragonte (Paderne). Logo, impartiu clases no colexio Vales Villamarín, de Betanzos, onde se xubilou. Durante todo este tempo, desenvolveu o seu traballo con moito esforzo e dignidade, preocupándose por todos os nenos e nenas que asistíamos a súa escola. Grazas a ela, varias persoas da parroquia puidemos acceder a estudos medios e, mesmo, superiores. Por outra banda, a súa vida privada non foi fácil. Quedou viúva moi nova, cunha nena pequeniña e unha nai maior. Pero, isto non lle impediu realizar o seu traballo de xeito exemplar.

E, para mostrarlle o noso agradecemento, no ano 2010, os seus exalumnos, de Adragonte, fixémoslle unha homenaxe, instalándose unha placa conmemorativa no edificio da escola. E isto non foi nada, nada máis que un pequeno detalle, para mostrarlle o noso gran respecto, cariño e eterno agradecemento, que lle debemos a esta extraordinaria mestra, que influíu tan positivamente nas nosas vidas. O pasado mes de setembro, fomos visitala dúas exalumnas, e agasallounos, como sempre, coa súa amena conversación, chea de lucidez e un profundo coñecemento da realidade actual. Alegrábase moito, sempre que nos vía, pois, sentíase querida e aprezada.

Como non a iamos querer! Grazas a ela, puidemos estudar, e saír dunha vida precaria. Puidemos desenvolvernos profesionalmente, e ocupar un lugar na sociedade que, de non ser por ela, nunca lograríamos. E falo, especialmente, por min. Meus pais eran labradores, con poucos recursos. E, se non fora polo apoio e esforzo de Dona Maruja, eu nunca podería promocionar da maneira que o fixen. Ela preparoume, en tres semanas, para o ingreso no novo instituto feminino (o masculino xa existía), que se abriu en Betanzos, en setembro de 1963. Eu xa tiña 14 anos e, desde os 12, non volvera á escola. Per unha estadía duns meses en Valencia, na casa duns familiares, onde existía un ambiente de estudo e cultura, fíxome sentir algo especial. Hoxe, estou convencida de que foi o meu Anxo da Garda. E, cando unha tarde gris, de tronos e abundante chuvia, oín que se abría uns instituto feminino, pedinlle á miña familia que fora falar con Dona Maruja. E ela, coa súa boa disposición de axuda a todo o mundo, non o dubidou un instante. E axudoume tanto que me preparou para ingreso en tan só tres semanas.

Logo, xa no instituto, cando volvíamos á noitiña con dúbidas, alí estaba ela para botarnos unha man e axudarnos a comprender mellor as cousas.

Eu tiña moi claro que quería ser mestra, coma ela. Sempre foi o meu modelo a imitar. E, durante o desenvolvemento da miña vida profesional, tíñaa sempre presente, como unha gran referencia.

Damos grazas a Deus pola súa vida, tan longa e prolífica! E desexamos que goce, eternamente, da súa presenza!

Grazas, querida mestra! Descanse en paz!