Monforte celebra baixo o sol a súa Festa dos Maios

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Na concentración participaron 14 composicións, a maioría feitas nos centros educativos

09 may 2024 . Actualizado a las 10:52 h.

Monforte celebrou este mércores unha festa dos Maios marcada pola alta participación, e tamén polas altas temperaturas. Como se a primavera se quixese facer notar, os centos de persoas que foron pola tarde á praza de España para levar os seus Maios apertáronse nas zonas de sombra para evitar os efectos das altas temperaturas. Alí víronse catorce maios Os termómetros chegaron a marcar onte algo máis de 28 graos no casco urbano de Monforte.

Na festa participaron, como é habitual, a maior parte dos centros educativos da localidade. Estudantes e profesores foron xuntos á concentración da praza de España e algúns tamén levaban preparadas coplas coas que participaron no concurso que organiza todos os anos o Concello.

Entre o público había clases enteiras dos colexios locais, pero tamén moitos familiares dos estudantes. Moitos dos escolares ían de branco e algúns levaban adornos con flores.

Nesta ocasión non foi a concelleira de Cultura, Marina Doutón, a que saudou aos asistentes desde a parte alta da praza de España. Esta vez encargouse de facelo o alcalde José Tomé, que celebrou que se xuntase tanta xente nesta festa tradicional e a calidade dos maios elaborados este ano.

O Concello de Monforte incentiva con premios en metálico a participación na Festa dos Maios. Todos os que acuden co seu maio á concentración da praza de España reciben 75 euros. En calquera caso, un xurado puntúa os diferentes maios na praza e nomea gañadores. Para facelo, ten en conta a imaxinación, a idea central, a estética, a orixinalidade e os materiais empregados.