O ilustrador Luis Davila gaña o premio Trasalba

La Voz OURENSE

PONTEVEDRA CIUDAD

Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, e Luis Davila, gañador do premio Trasalba 2023, diante da casa museo
Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, e Luis Davila, gañador do premio Trasalba 2023, diante da casa museo CEDIDA

A entrega do galardón terá lugar o próximo 25 de xuño nasa museo Otero Pedrayo

12 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Otero Pedrayo acaba de facer pública a concesión do premio Trasalba 2023, que este ano será outorgado ao deseñador gráfico, ilustrador e viñetista Luis Davila Malvido (Pontevedra, 1972). A xuízo da comisión de goberno da Fundación Otero Pedrayo considerouse que «a implicación na defensa da nosa lingua e a proximidade social das mensaxes que formula en defensa do galego, confirman o mérito dun artista chamado a converterse nun referente na reivindicación sociolingüística, pola súa constante manifestación de afecto á nosa lingua e a nosa cultura».

Na acta do acordo, destácase ademais a calidade do humor gráfico e a popularidade das viñetas de Davila que, consideran, transmiten «un compromiso e unha modernidade que, pensamos, sería moi do gusto de don Ramón».

Davila é coñecido no ámbito profesional polo pseudónimo de O Bicheiro, o deseñador gráfico naceu en Pontevedra e reside en Bueu. Ademais de varios libros publicados de deseño e de humor, con sorna e ironía sarcástica, é autor de caricaturas. Tamén ilustra e colabora coa súa viñeta baixo a firma de O Bicheiro e O Fotomatón no xornal Faro de Vigo.

A entrega do premio terá lugar na casa museo Otero Pedrayo o último domingo de xuño, que este ano coincide co día 25. A xornada rematará cunha comida no souto da Fundación.

O Premio Trasalba, que ten carácter honorífico, concédese dende o ano 1983. O primeiro galardoado foi Xaquín Lorenzo Xocas, historiador ourensán. O último premiado, no ano 2022, foi o escritor, político e economista Carlos Mella Villar nado en O Foxo (A Estrada). Nun primeiro momento, a razón do premio era a vinculación, directa ou indirecta, coa figura de Otero Pedrayo. Progresivamente foi evolucionando cara a un personaxe referente na nosa cultura galega. Salvo o premio concedido a Agustín Sixto Seco, fundador e primeiro presidente da Fundación, sempre se concede a unha persoa en vida.