Un libro compila por primeira vez a historia do Merdeiro do Entroido de Vigo

B.R.S. VIGO /LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

A obra titulada «O Merdeiro. Personaxe da Ribeira», é froito da investigación levada a cabo por Adriana del Río Miranda e Hadrián Román Carreiro

20 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Merdeiro xa ten espazo nas bibliotecas. O Instituto Camões Centro Cultural Portugués acolleu onte a presentación do primeiro libro adicado á figura máis senlleira do Entroido vigués, proxecto impulsado pola Asociación Etnográfica A Merdeira. A obra titulada O Merdeiro. Personaxe da Ribeira, é froito da investigación levada a cabo por Adriana del Río Miranda e Hadrián Román Carreiro, historiadora do arte e historiador, respectivamente. Os investigadores sinalan que o libro recolle os froitos de varios anos de traballo. «Analizamos a orixe do Entroido e comentamos como era na cidade de Vigo cando o Merdeiro andaba polas súas rúas. Ó mesmo tempo reflexionamos sobre como esa figura foi evolucionando até o momento da súa desaparición e rematamos o estudo informando como o Merdeiro se recuperou grazas ó esforzo do tecido asociativo da cidade», recoñecen.

Os autores lembran que o Merdeiro representa a tradición perdida «que anovou de novo co pulo dunha xeración que pensou que os costumes do pasado constitúen unha ferramenta que nos axuda a situarnos dentro desta nova aldea global». Destacan os historiadores que o personaxe foi observado por grandes estudosos galegos como Vicente Risco ou Xaquín Lorenzo «Xocas» e, grazas ao seu traballo máis o inmenso volume de textos xornalísticos da época, sabemos que a finais do século XIX e comezos do XX existiu en Vigo un entroido popular e tradicional cuxa meirande manifestación era esta figura.